Nova campaña ‘Vive o Nadal con Artesanía de Galicia’


A Fundación Artesanía de Galicia, acaba de poñer en marcha a campaña Vive o Nadal con Artesanía de Galicia, para animar os consumidores a apostar por produtos da marca Artesanía de Galicia para os agasallos de Nadal e apoiar a comercialización do produto artesán galego. A campaña realizarase durante todo o mes de decembro e ata o vindeiro 5 de xaneiro.

A través desta iniciativa, distribuirase material promocional entre as tendas que están adheridas á marca Artesanía de Galicia, así como en eventos e mercados de Nadal de Artesanía de Galicia. Ao mesmo tempo, realízase tamén unha campaña a través das redes sociais que consiste na realización dun calendario de advento virtual no que, ata o día 24 de decembro, se irán amosando diferentes pezas da marca Artesanía de Galicia, ademais de pequenos vídeos protagonizados tanto por artesáns profesionais como por tendas adheridas á marca Artesanía de Galicia, que se irán publicando ata o 5 de xaneiro.

O obxectivo é dobre: dunha banda presentar o produto artesanal como opción para os agasallos que se realizan ao longo do Nadal, polo seu carácter de peza única e de autor –cada peza conta unha historia– e polo seu vínculo co territorio, coa produción local e sostible e coa economía circular. Pola outra, poñer en valor o comercio de proximidade e, dentro deste, os establecementos adheridos á marca Artesanía de Galicia e que comercializan produtos dun mínimo de 5 obradoiros artesanais rexistrados.