Nova concentración nas Pontes pola continuidade de Endesa

1 minutes read

Este luns participaron na xuntanza ao redor dun milleiro de persoas, entre eles, o alcalde do municipio, Valentín González Formoso, que trasladou que as probas previstas neste complexo enerxético coa utilización de biocombustibles atrásanse «ata o mes de febreiro, para poder acometelas xa coa reforma realizada ao longo dos últimos anos». A continuación, indicou que Endesa «investiu 218 millóns de euros para poder cumprir a normativa europea» neste proceso, polo que considera que se trata «dun sinsentido máis». Os presentes foron convocados polo grupo de traballo do que forman todos os grupos municipais con representación no Concello das Pontes, sindicatos, transportistas do carbón, comité de empresa de Endesa, empresarios e comerciantes; os veciños da localidade e comarca volveron ás rúas para mostrar o seu rexeitamento ao peche da planta. González Formoso estimou que a central na localidade «é viable» coa utilización da mestura de carbón e outros materiais, como biomasa e restos de lodos, polo que pediu «a colaboración de todo o mundo que ten que ver nun proxecto deste tipo». Ademais destacou a implicación que están a ter todas as administracións á hora de buscar unha solución, desde «o Concello, a Xunta e o Ministerio de Transición Ecolóxica».