O prazo de solicitude permanecerá aberto ata o 4 de marzo, está orientada a establecementos hoteleiros, campamentos de turismo, casas de turismo rural, apartamentos turísticos, albergues -unha das novidades deste ano- e negocios de restauración co obxectivo de poidan que reforzar o seu servizo de calidade e dotarse dunha oferta competitiva e diferenciada, axudando a conferir confianza e seguridade nos viaxeiros, coincidindo co dobre Ano Santo 2021-2022.
Na convocatoria, xa aberta, recóllese que as axudas poden financiar ata o 50% do investimento realizado cunha contía máxima de 50.000€, o que supón un incremento do 42% nas achegas con respecto aos límites do 35% e os 35.000€ fixados en 2020.
As accións subvencionables inclúen medidas que garantan a accesibilidade e a supresión das barreiras arquitectónicas e que permitan obter certificacións, como a Q de Calidad Turística ou elevar a categoría do establecemento. Tamén se financiarán accións a prol da sustentabilidade, como a mellora da climatización coa posta en marcha de medidas de aforro enerxético, actuacións de dixitalización dos sistemas de xestión e comercialización, a modernización dos locais e o embelecemento da contorna, a dotación de equipamentos mobles para o seu funcionamento e a adaptación dos sistemas de seguridade e saúde.