Nova convocatoria de axudas para a mellora do servizo e da calidade da auga das traídas veciñais

PIXABAY

Esta liña de axudas vai destinada a impulsar actuacións que melloren a prestación do servizo de abastecemento de auga para consumo humano e a calidade de auga xestionadas por comunidades de usuarios, fomentando o emprego eficiente dos recursos hídricos.

Serán subvencionables os investimentos realizados desde o 1 de xaneiro de 2021 destinados á mellora do estado das instalacións de captación, potabilización e almacenamento nas traídas xestionadas polas comunidades de usuarios.

As axudas cubrirán o 80% do financiamento das actuacións que resulten elixidas, segundo a criterios obxectivos, ata un máximo de 15.000 euros por proxecto. O 20% do financiamento restante deberá ser achegado pola propia comunidade de usuarios que resulte beneficiaria da subvención, sendo compatible con outras subvencións ou axudas.

O 40% do importe da convocatoria, é dicir, 200.000 euros, destinarase ao financiamento de proxectos de comunidades de usuarios de ata 50 membros. Os outros 300.000 euros, o 60% restante, estará dirixido ás actuacións de comunidades de usuarios con máis membros.

Para poder optar a estes incentivos, as comunidades de usuarios deberán estar constituídas legalmente, sendo compatibles con outras que, para a mesma finalidade, concedan outras administracións públicas.

As comunidades de usuarios poden solicitar as axudas desde este martes e contan cun prazo dun mes para presentar as súas peticións.