A Consellería de Economía, Industria e Innovación, vén de activar unha convocatoria de axudas destinada a impulsar proxectos integrais de gases renovables. Trátase da primeira vez que Galicia conta cunha convocatoria específica para esta tipoloxía de iniciativas enerxéticas que amosan un gran potencial -aínda sen desenvolver- e un importante carácter innovador.
A convocatoria, de concorrencia competitiva, terá aberto o prazo de solicitudes ata o 21 de febreiro e conta cun orzamento de 7,5 M€ co obxectivo de mobilizar ao redor de 15 M€. As axudas están dirixidas a empresas e autónomos que queiran realizar proxectos consistentes na produción de hidróxeno de orixe renovable ou de biogás e biometano para o seu aproveitamento en centros de demanda situados en Galicia, co que se pretende favorecer o uso racional de enerxías renovables.
En concreto apoiaranse, no eido do hidróxeno renovable, todo o relacionado co electrolizador, o compresor, sistemas de almacenamento, conducións, depósitos, sistemas auxiliares e de control, adecuación ou compra de equipos consumidores a hidróxeno, pilas de combustible -sempre que a electricidade xerada se destine a autoconsumo-, sistemas de inxección do hidróxeno renovable á rede de gas -se existe un contrato de venda a un consumidor localizado en Galicia-, montaxe e posta en marcha dos sistemas, obra civil asociada, proxectos técnicos e legalización.
En canto ao biogás e biometano, as axudas inclúen sistemas para a obtención de biogás mediante dixestión anaerobia; sistemas de almacenamento e tratamento do biogás para a obtención de biometano; sistemas de pretratamento dos residuos; sistemas de compresión para o seu transporte e almacenamento; sistemas de abastecemento; instalacións de valorización para a produción eléctrica ou térmica; sistemas de inxección á rede de gas -se existe contrato de venda cun consumidor localizado en Galicia-; equipos que empreguen biogás e biometano como combustible; sistemas auxiliares e de control; obra civil asociada; instalación e posta en marcha; proxecto técnico e de legalización.
A axuda máxima por proxecto será de 2,5 M€, no caso de proxectos de hidróxeno renovable e de 2 M€ para os de biogás e biometano con intensidades de axudas entre o 45 e o 65%, dependendo do tamaño da empresa. Os proxectos deberán destinar unha parte do gas renovable ao autoconsumo enerxético.