A conselleira de Infraestruturas e Mobilidade, Ethel Vázquez, xunto co director xeral de Mobilidade, Ignacio Maestro, informou na Coruña desta nova convocatoria de incentivos no encontro que mantivo co presidente da Federación de Autónomos do Taxi de Galicia (Fegataxi), Manuel Quindimil, e cos membros da xunta directiva.
O obxectivo é reforzar a aposta do sector do taxi pola inclusión social, financiando a adquisición de vehículos adaptados para cubrir a demanda de desprazamentos das persoas con diferentes necesidades de mobilidade e sumar aos profesionais do taxi tamén ao compromiso activo na loita contra o cambio climático, dotándoos de vehículos menos contaminantes e máis respectuosos co medio.
A liña para a compra de taxis adaptados, os chamados eurotaxis, está dotada con 300.000 euros; á adquisición de taxis de baixas emisións resérvase unha partida de 140.000 euros; e os 60.000 euros ata completar o importe desta convocatoria irá destinada a financiar taxis de cero emisións.
As axudas, que son compatibles entre si, ascenden a 10.000 euros para o caso da compra de eurotaxis; a 6.000 euros para vehículos de emisións cero; e a 4.000 euros para a compra de taxis de baixas emisións.