Nova convocatoria para optar ao selo de excelencia dos másters universitarios

1 minutes read

A Xunta de Galicia dá un novo impulso á excelencia académica na universidade coa apertura da segunda convocatoria para a distinción de másters universitarios de Excelencia no Sistema Universitario de Galicia (SUG). Esta mención de excelencia foi implantada por primeira vez e de xeito pioneiro o ano pasado, e concluíu coa concesión deste selo de calidade a tres másters nas universidades galegas.

Abre o prazo para que durante un tempo máximo de dous meses as universidades do SUG poidan solicitar o selo de calidade que acreditará o nivel académico e a solvencia científico-técnica dos estudos e que suporá, ademais, unha garantía de futuro para os estudantes. Ademais, a obtención deste selo, que ten unha duración de cinco anos, permite ás titulacións seleccionadas participar do apoio económico contemplado nas accións de mellora da calidade do Plan Galego de Financiamento Universitario que, para este ano, prevé unha achega de 20.000 euros por cada unha delas.

Cada universidade do SUG poderá presentar, como máximo, ata tres solicitudes correspondentes a outras tantas titulacións de máster universitario oficial nas que deben figurar como universidade coordinadora no caso de titulacións conxuntas. Entre os requisitos para solicitar a mención están o de ser títulos de máster universitario de carácter oficial e validez en todo o territorial nacional, e que veñan sendo impartidos por algunha das universidades do SUG de xeito ininterrompido, como mínimo, desde o curso 2017-18, e que continúe impartíndose na actualidade.