O pasado 29 de marzo, centenares de traballadores de Ferroatlántica congregáronse de forma pacífica diante do consistorio municipal en Cee, aproveitando a presentación do PP na localidade. Alí reuníronse co conselleiro de Industria, Francisco Conde, pero o resumo deste achegamento, segundo os propios traballadores, é de decepción.
Segundo a CIG, Conde botou balóns fóra e culpou ao goberno de Sánchez polo borrador do estatuto electrointensivo, poñendo ás centrais de Ferroatlántica da Costa da Morte á mesma altura que a de Boo, ou a de Alcoa Coruña e San Cibrao; obviando que a Xunta de Galicia ten o título concesional das centrais hidroeléctricas para, precisamente, que a súa actividade sexa viable.
«Nada fixo a Xunta dende a última reunión que tivemos no mes de febreiro», manifestaron desde a CIG. Seguen cos fornos de manganeso parados e «a Xunta nada fai por garantir os empregos e industria na comarca».
Seguirán manifestándose e loitando polo seu traballo, mobilizando ó persoal e ós veciños da comarca para «manter a actividade das fábricas vinculadas ás centrais, xa que é inconcibible que se pretendan pechar unidades produtivas polo prezo da enerxía cando somos nós quen a produce».