Nova edición A Laracha de Tapas do 6 ao 8 de marzo

dpm.

Será a 7ª edición, do mesmo xeito que nas anteriores ocasións, o certame é organizado polo Concello cos obxectivos esenciais de dinamizar o tecido comercial e hostaleiro e poñer en valor os produtos gastronómicos locais.

Son convidados a formar parte do concurso todos os establecementos hostaleiros da vila da Laracha, aos que xa se lles ofreceu información detallada sobre e o evento e teñen de prazo ata este luns para formalizar a súa inscrición.

As bases do certame establecen que cada local participante debe ofrecer a súa tapa de concurso ao prezo de 1,50 euros o venres 6 (de 19:00 a 00:00 h), o sábado 7 (12:00 a 15:00 h e 19:00 a 00:00 h) e domingo 8 (12:00 a 15:00 h), debendo incluír cada elaboración canda menos un produto galego de temporada.

Igual que en pasadas edicións están establecidos tres premios. Dous deles (300 e 250 euros) serán outorgados polo xurado profesional ás que consideren que son as dúas mellores tapas. O galardón do xurado popular (200 euros) será decidido directamente polos clientes, podendo votar á súa elaboración favorita aquelas persoas que consumisen as tapas de tres locais. Entre todos os votos sortearanse regalos doados polas empresas colaboradoras e os establecementos participantes.