Nova edición da campaña “O que se enchufa, recíclase”


A conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, Ángeles Vázquez, presentou unha nova edición desta actuación coa que dar “infinitas vidas” a estes materiais acompañada de Rafael Serrano, de Ecolec, en representación dos sistemas colectivos de responsabilidade ampliada do produtor (SCRAP) de RAEE; o secretario xeral da Asociación Nacional de Empresas Distribuidoras de Electrodomésticos (ADEN), Javier de la Cerna; e representantes de superficies comerciais.

Ángeles Vázquez salientou que nestas iniciativas está parte do éxito de recollida de 13.661 toneladas no ano 2020, un período que, a pesar de estar marcado pola pandemia sanitaria da covid-19, acadou cifras similares aos anos anteriores, o que pon de manifesto o compromiso da sociedade galega.

Indicou que, grazas a este esforzo, nos últimos tres anos recolléronse máis de 40.000 toneladas de RAEE e incrementouse nun 11% a recollida ao abeiro da colaboración que manteñen a Xunta e os SCRAP.

Cómpre lembrar que pola compra en liña ou en tenda física dun destes aparellos, o usuario ten dereito á recollida do vello —gratuíta no caso das superficies de máis de 400 m2— no momento da entrega para reciclalo e darlle moitas máis vidas. Ademais, tamén se poden depositar nos puntos verdes municipais.

Pola súa banda, o secretario xeral de ADEN, que reúne aos empresarios do sector, lembrou a importancia de manter este tipo de actitudes, pois grazas á recollida de RAEE nas súas superficies evitouse na última década a emisión de 48.000 toneladas de CO2 á atmosfera e se recuperaron 20.000 toneladas de materiais.