O Pazo de Mariñán acolleu este martes a apertura da XXIII edición da Escola de Verán do Poder Xudicial cun acto que contou coa participación do vicepresidente da Deputación da Coruña, Xosé Regueira, o presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo e o presidente do Tribunal Supremo e do CXPX, Carlos Lesmes.
Na súa intervención o vicepresidente da Deputación da Coruña, Xosé Regueira, defendeu a independencia xudicial «que nos permite conquistar a democracia día a día». «E así, tamén, as organizacións políticas e as persoas que nos dedicamos á política, debemos axudar e aplicarnos en que as cuestións que deberan dirimirse no ámbito do estrictamente político non acaben dirimíndose no ámbito do xudicial, porque iso só significa o fracaso da política e a complicidade co debilitamento da confianza nos tribunais», sinalou Xosé Regueira na súa intervención.
Apuntou tamén o vicepresidente da Deputación da Coruña que tanto desde a xustiza como desde outros ámbitos sociais e máis desde as institucións, débese «ter os ollos ben abertos para tratar de entender o pobo, ese pobo do que se di que emana, e así debe ser, a xustiza».
Feijóo pola sua parte, lembrou que, con este obxectivo, a Xunta puxo en marcha o Plan Senda que, con 50 millóns de euros de investimentos en dúas fases contribuíu decisivamente a dotar dos medios necesarios á Xustiza permitindo, por exemplo, que o pasado ano se realizasen máis de 6 millóns de comunicacións telemáticas ou que, a través do visor do expediente xudicial electrónico, o persoal xudicial poida acceder a el desde calquera dispositivo. Así mesmo, resaltou que a firma dixital, habilitada en máis da metade dos órganos, permite firmar sentenzas e resolucións en liña, coa mesma validez que en papel.