Nova edición da Feira Internacional Abanca Semana Verde de Galicia


Máis de 720 expositores participan do 6 ao 9 de xuño na 42 edición da Feira Internacional Abanca Semana Verde de Galicia, que abriu este xoves as súas portas.

O vicepresidente a Xunta, Alfonso Rueda; o conselleiro de Cultura e Turismo, Román Rodríguez; o conselleiro do Medio Rural, José González; e o delegado territorial da Xunta en Pontevedra, José Manuel Cores Tourís, participaron na inauguración do evento.

A Feira centrará os seus dos primeiros días na parte profesional; e a fin de semana nos aspectos máis lúdicos. Conta con catro salóns paralelos: o Salón de Alimentación do Atlántico (Salimat Abanca) centrado no sector alimentario; Fecap Abanca, o único salón galego centrado na caza, pesca e natureza; e Turexpo Galicia e a Feira de festas de interese turístico, Festur. Ademais, acollerá actividades relacionadas con moitos outros sectores como as mascotas, a biomasa, a gandería ou a pequena maquinaria.

Promo feira.

A feira, como vén sendo tónica habitual nos últimos anos, volve medrar con respecto á celebrada en 2018: tanto en número de expositores; como en superficie expositiva, que chegará nesta edición a case 19.500 metros cadrados, e en representación internacional.

Na área expositiva o certame seguirá contando coa participación de importantes grupos empresariais como El Corte Inglés, Vegalsa-Eroski, Gadisa, Carrefour, MediaMarkt, Abanca e R. Tamén se incrementa a representación institucional doutras partes de España que comezou o pasado ano coa Junta de Andalucía e a Deputación de Burgos, ás que este ano se suman as Deputacións de Castellón e de Huesca, a Junta de Extremadura, e o Ministerio de Turismo e Artesanía de Guinea Bissau.

Ademais das actividades profesionais, durante a fin de semana realizaranse outras máis enfocada ao público xeral, como demostracións de freestyle motocross, cociña en vivo, ou exhibicións de ximnasia acrobática sobre cabalos de pura raza galega.