Nova edición de ‘Maxina ou a filla espuria’, a primeira novela galega moderna


O secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García, participou na presentación da nova edición de Maxina ou a filla espuria, a que está considerada como a primeira novela galega moderna e que se reedita co apoio da Xunta.

Como expresou, trátase da obra coa que o seu autor, Marcial Valladares “retomou o galego como lingua apta para a narrativa despois dun período de sombras para o idioma”. Pertencente ao grupo dos intelectuais do Rexurdimento, o escritor estradense escribiu este conto-noveliña, como el mesmo lle chamaba, en 1870, aínda que non foi ata 10 anos despois cando se publicou por entregas na revista madrileña La Ilustración Gallega y Asturiana, dirixida nesa altura por Manuel Murguía.

Na presentación tamén estiveron presentes no Teatro Principal da Estrada o alcalde da localidade, José López Campos; Víctor F. Freixanes, presidente da Real Academia Galega (RAG); Francisco Castro, director xeral da Editorial Galaxia; Xesús Domínguez Dono, editor na novela e Xiana Lastra, Andrea Porto e Marcela Porto, integrantes da Banda da Loba, que se encargaron de poñerlle música ao encontro.