Nova edición do ‘Camiñar na noite’ en Ponteceso

Imaxe de arquivo de 'Camiñar na noite 2021'_Concello de Ponteceso

  • En total son oito rutas de seis quilómetros cada unha que se desenvolverán durante os meses de xullo e agosto.

Despois do éxito das pasadas edicións o Concello de Ponteceso volve organizar ‘Camiñar na noite’, unha iniciativa na que os participantes poderán realizar ata oito rutas de seis quilómetros cada unha durante os meses de xullo e agosto. Os percorridos terá lugar todos os venres entre as 21.30 e as 00.00 horas.

Será preciso inscribirse previamente no rexistro xeral do Concello, a través da sede electrónica ou na oficina municipal de Corme. Os participantes deberán usar chaleco reflectante e lanterna. Máis información chamando ao 981 714 000 ou enviando un correo electrónico a turismoponteceso@ponteceso.net.

Programa de rutas

Xullo: Tella Anllóns (con saída e chegada no Campo da Feira, A Trabe); Corme Aldea (saída e chegada na Igrexa); Langueirón (saída e chegada na Igrexa) e Corme Porto (desde a Praza da Ribeira).

Agosto: Xornes (desde o local social); Brántuas e Niñóns (con saída e chegada da pista deportiva); Cospindo (desde Ponte de Ponteceso) e Cores-Nemeño (a saída será desde o local social A Campara).