Nova edición do programa ‘A Laracha acolle’


Este programa componse de dúas liñas de acción complementarias. Por unha banda o Taller de alfabetización nas linguas oficiais de Galicia e, pola outra, a creación do espazo de expresión e participación cultural ‘Exprésa-T’, dirixido ao coñecemento dos costumes, funcionamento e valores da sociedade de acollida, intercambio e socialización, así como ao tratamento de temas transversais de xénero e coeducación.

O taller de alfabetización nas linguas oficiais de Galicia ten por propósito a adquisición de habilidades lingüísticas que lles permita ás persoas inmigrantes desenvolverse de forma autónoma nas diferentes situacións da vida diaria. As clases levaranse a cabo seguindo unha metodoloxía alternativa de ensinanza aprendizaxe e con perspectiva de xénero, traballando contidos e linguaxe non sexista, así como poñendo en valor o papel das mulleres na sociedade.

O espazo de socialización e expresión cultural ‘Exprésa-T’, reforzando a acción anterior, céntrase na creación dun espazo coeducativo de participación e convivencia que permita poñer en práctica os contidos asimilados a nivel lingüístico e no que, a través do coñecemento e intercambio mutuo das distintas culturas e a presente no municipio, se desenvolvan relacións sociais e persoais igualitarias que contribúan á construción dunha verdadeira sociedade intercultural.

As persoas interesadas en participar no programa A Laracha acolle deben inscribirse no departamento de Servizos Sociais, ben acudindo ao edificio administrativo da Laracha ou chamando ao 981612811.