Nesta ocasión, o plan para fomentar a mobilidade eficiente conta cun investimento de 2,5 millóns de euros -máis do triplo que na anterior edición- e unha previsión de mobilización de 26 M€. “Trátase de potenciar a substitución de vehículos que teñan xa unha antigüidade por outros novos máis modernos e eficientes”. Así o explicou o presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, quen ademáis dixo que suporá “unha redución de custos de mobilidade por diminución dos consumos; un aforro enerxético duns 250.000 litros de combustible ao ano, e unha redución de emisións de CO2 equivalente á plantación de 36.000 árbores”.
As axudas oscilarán entre os 3.000 e os 4.000 euros en función do tipo de vehículo. Entre 2.000 e 3.000 € son achegados pola Xunta e 1.000 euros polo concesionario. No caso das familias numerosas, os apoios increméntanse nun 20% adicional ata acadar entre os 3.400 e os 4.600 euros. No tocante aos prazos de solicitude, para os compradores interesados comeza o vindeiro 17 de xaneiro e os concesionarios poden adherirse ao día seguinte da publicación da convocatoria no DOG.