Nova edición do programa ‘Tecnólog@ por un día’ para estudantes de 12 a 17 anos


A Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia pon en marcha unha nova edición do Programa Tecnólog@ por un día, que volve a ofrecer a estudantes de 12 a 17 anos a oportunidade de experimentar, en primeira persoa, unha xornada laboral con profesionais das empresas do sector TIC en Galicia. A iniciativa desenvólvese no marco do Plan de Promoción de Talento Dixital de Galicia DigiTalent.

Nesta edición, retómase a presencialidade do programa e ofreceranse 66 prazas, grazas a colaboración de 6 empresas tecnolóxicas que, xunto coa Amtega, posibilitarán a experiencia de acoller a “Tecnólog@s por un día”: Altia, DXC Technology, everis, Inetum, Satec, Corporación Televés.

A quinta edición, avalada polo éxito das anteriores, brindará aos participantes unha xornada de inmersión na realidade do traballo de profesionais do sector TIC, que compartirán os seus proxectos, ferramentas e coñecemos cos participantes, resolverán inquedanzas vocacionais e darán a coñecer as capacidades que demandan as empresas do sector.