Nova edición dos bonos Activa Comercio 

O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, anunciou este luns a segunda edición dos bonos Activa Comercio 2025, dotada con 2,5 M€ e que se publica este martes no Diario Oficial de Galicia (DOG) poñendo á disposición das persoas consumidoras desde o mércores os bonos de desconto de ata 30 euros co obxectivo de “permitir descontos nos comercios galegos e mobilizar máis vendas” e estimular o sector “de cara á campaña de Nadal”.

O importe súmase aos 2,5 millóns de euros destinados á anterior edición da iniciativa este ano —que tivo lugar en xuño—, sumando un total de 5 M€. Unha cantidade que volverá consignarse nos orzamentos de 2026 para consolidar esta acción dinamizadora do comercio local que logrou mobilizar máis de 110 millóns en vendas desde o ano 2021.

Como novidade, os establecementos non terán que inscribirse de novo para participar na iniciativa, senón que segue vixente a adhesión da primeira edición, co obxecto de gañar en axilidade en beneficio tanto dos comerciantes como das persoas consumidoras. En todo caso, se algún comercio non se sumara e quere facelo agora, ten de prazo aínda deica o 15 de decembro ou ata que remate o crédito desta última edición que se vai convocar.

O programa dos bonos Activa Comercio ten como obxectivo incentivar a demanda comercial axudando economicamente ás persoas consumidoras e fomentando o consumo nos establecementos retallistas adheridos á campaña. Con esta nova edición, o Goberno galego prevé “mobilizar un mínimo de 8,5 M€ en vendas” no comercio de proximidade de Galicia.

Funcionamento do programa

Cada bono terá un desconto de 30 euros para as compras realizadas nos comercios adheridos. Tal e como explicou Rueda, a partir do mércores 5 de novembro (desde as 9,00 horas) as persoas consumidoras interesadas poderán descargar eses bonos. Poderán facelo a través da web www.bonosactivacomercio.gal e trocalos nos establecementos mediante o seu formato dixital QR.

O importe irase reducindo en función do valor da compra. Así, ás compras iguais ou superiores a 20 euros e inferiores a 30 euros corresponderalles un desconto de 5 euros. A rebaixa será de 10 euros para as compras iguais ou superiores a 30 euros e inferiores a 50 euros. A partir desta cantidade, o desconto alcanzará os 15 euros.

Como en anteriores ocasións, cada persoa poderá descargar un único bono, e non se limitará o número de usuarios que poden descargar os bonos, senón que cando o importe total dos descontos realizados alcance os 2,5 millóns de euros, os bonos descargados xa non se poderán utilizar.

Related posts

Falece un peón atropelado por un coche que se saíu da estrada en Tomiño

Falece unha percebeira en Porto do Son ao ser arrastrada por un golpe de mar

Buscan a un mozo no río Miño logo de caer tras envorcar o kaiac no que viaxaba con outro compañeiro