- Os socialistas solicitan que o Instituto Galego de Consumo abra un expediente de reclamación ante a entidade Abanca S.A.
O PSOE da Laracha, por iniciativa da súa voceira, María Palomi Rodríguez Castiñeira, levará ao pleno deste venres unha enmenda á moción presentada polo BNG sobre abusos bancarios.
Os socialistas consideran que no texto da moción se debería instar á Xunta a que por parte do Instituto Galego de Consumo e Competencia se inicie de oficio un expediente de reclamación colectiva ante a entidade Abanca S.A. Isto permitirá que se «proceda de xeito inmediato á retrocesión das comisións de xestión e mantemento cobradas e aplicadas con carácter xeral a partir de xuño de 2020», sinalan desde o PSOE larachés.
Tamén se deberá instar ao Goberno autonómico a que elabore un mapa sobre a exclusión financeira dos concellos de Galicia; ademais de adoptar as medidas necesarias para evitar a mencionada exclusión aos colectivos sociais máis vulnerables, en especial ás persoas maiores.