O primeiro andar do Pazo da Cultura de Carballo acolle ata o 3 de marzo, da man da Deputación da Coruña e do Concello, unha selección de obras de gravado calcográfico, litografía, serigrafía, xilografía e as súas derivacións escollidas polo xurado da XVII edición deste certame convocado anualmente pola Deputación da Coruña en homenaxe á obra do artista Jesús Núñez. A participación de 140 obras chegadas de 20 países distintos do mundo é indicativa do prestixio e repercusión internacional desta iniciativa na arte gráfica.
Na mostra poderemos desfrutar dunha selección entre a que se atopa a obra gañadora,a serigrafía Ikatz / Harri II da artista vasca Myriam Gesalaga Eizaguirre, obra que o xurado seleccionou pola “adecuación entre o discurso e a técnica, unha imaxe con moita potencia e á mesma vez elegante e suxestiva”, ademais dos Accésits de Fátima Conesa e Claudia Regueira e as Mencións de honra de Miriana Pino e Joan Polo.