Nova fase da candidatura da Costa da Morte como Reserva Mundial de Surf

A declaración do territorio como Reserva Local de Surf foi un dos acordos tomados na xuntanza que se desenvolveu este xoves en Carballo na que participou o vicepresidente e responsábel da área de Turismo da Deputación da Coruña, Xosé Regueira, ademais de representantes de concellos implicados e o sector. Iníciase así a segunda fase do proceso para a declaración da Costa da Morte como Reserva Mundial de Surf.

Ademais, da declaración previa como Reserva Local de Surf do territorio que forma parte da candidatura á reserva mundial, na reunión decidiuse tamén iniciar un foro de sensibilización dos valores dos ecosistemas e as ondas da Costa da Morte ademais de botar a andar unha campaña de divulgación dos valores do surf nos centros de ensino dos concellos implicados.

Coa reunión que se desenvolveu en Carballo, e que contou coa presenza de representantes políticos dos concellos de Fisterra, Laxe, Malpica, Carballo e A Laracha, dáse por iniciada a segunda fase do proceso de candidatura da Costa da Morte como Reserva Mundial de Surf. Á xuntanza, convocada pola Deputación da Coruña, ademais de representantes políticos de concellos que participan no proxecto, asistiron membros da comisión operativa da iniciativa.
Despois de superar a primeira fase do proceso o pasado mes de xullo, a Costa da Morte inicia agora unha etapa definitiva de cara a converterse na primeira Reserva Mundial de Surf coa xuntanza con representantes de entidades públicas e privadas que forman parte do Grupo Promotor do proxecto.

A candidatura enfróntase agora á fase definitiva do proceso para o que conta cun dos seus principais activos a implicación de máis de trinta representantes tanto de institucións como de entidades privadas traballan conxuntamente para que o obxectivo se faga realidade.

A entidade Save the Waves, que é quen decide sobre as candidaturas presentadas, require agora a presentación dun proxecto polo miúdo antes do fin do ano, no que xa se está traballando, mais tamén estudar as formas para dar viabilidade a curto e longo prazo para contribuír ao desenvolvemento da Costa da Morte como destino sustentábel de surf, o que foi o principal obxectivo da xuntanza celebrada en Carballo.

Related posts

O Punto Rojo ponse en marcha en Baio con descontos, premios, moita actividade nas rúas e unha ruta de tapas

Rosa Otero recoñecida como Filla Adoptiva da Coruña

Aberto o prazo de inscrición no programa de voluntariado xuvenil da Laracha