Nova fase das obras do novo emisario submarino da depuradora dos Praceres, en Pontevedra

A chegada a Pontevedra dunha tuneladora, procedente de Alemaña, permite seguir avanzando nos traballos e entrar nunha nova fase das obras en execución do novo emisario submarino dos Praceres. As vindeiras xornadas dedicaranse á montaxe das pezas desta máquina de grandes dimensións, que será sometida a continuación a diferentes probas e autorizacións co obxectivo de comezar a funcionar a principios de abril.

Os traballos seguen avanzando a bo ritmo, mantendo o obxectivo de rematar as obras a finais deste ano 2022.
As actuacións que se están a levar a cabo divídense en dúas partes: a obra terrestre, que se corresponde coa execución da cámara de carga e estación de bombeo, e do emisario, de máis de 3,5 km de lonxitude.
Para seguir avanzando na execución das obras é preciso a utilización desta tuneladora. Ademais, empregarase a tecnoloxía innovadora “direct pipe”, que combina as vantaxes do microtúnel e da perforación dirixida, sendo un sistema pioneiro en España.

Neste momento está rematada xa a parte da obra de execución do pozo de ataque para a tuneladora e o escavado do pozo. Ademais, están realizados os traballos topográficos que marcan de xeito preciso o percorrido e as coordenadas exactas por onde traballará esta máquina, que comezará a escavar desde ese pozo e terminará saíndo polo fondo mariño no punto onde se iniciará o tramo submarino da tubaxe.

Related posts

O Punto Rojo ponse en marcha en Baio con descontos, premios, moita actividade nas rúas e unha ruta de tapas

Rosa Otero recoñecida como Filla Adoptiva da Coruña

Aberto o prazo de inscrición no programa de voluntariado xuvenil da Laracha