Nesta ocasión, os profesionais da empresa Tempos Arqueólogos traballarán durante dúas semanas na zona. En concreto, a actuación que se porá en marcha consistirá na realización de dúas sondaxes manuais no ámbito do xacemento. A primeira delas levarase a cabo na zona onde apareceu o pasado ano unha estrutura tipo hórreo co fin de ampliar a área escavada para a súa mellor caracterización. Trátase dun achado que podería converterse no máis grande de Galicia e no primeiro da Comunidade vinculado a unha gran vila romana.
A segunda sondaxe, pola súa banda, centrarase nunha zona do xacemento próxima a igrexa de Santa María de Proendos para comprobar a posible existencia dunhas estruturas circulares que forneceu o xeoradar e que poderían ser un columbario romano. A iniciativa complétase con accións de difusión e coa realización dunha memoria técnica que contribúa a divulgar os traballos feitos e o valor deste xacemento.
Cómpre lembrar que neste lugar tense constatado desde antigo, a través de achados casuais e intervencións non sistemáticas, a aparición de significativas evidencias materiais de adscrición romana que van desde un gran número de fragmentos de tégula, ladrillos e cerámica, ata varios fragmentos de columnas, capiteis, basas, epígrafes e restos de canalizacións de granito, moitos dos cales aínda se conservan nos muros de peche e no interior das casas do actual pobo de Proendos.