A compañía Nova Galega de Danza inicia os actos de celebración do seu 20º aniversario coa estrea este sábado 30 en Narón do seu novo espectáculo: Berro, programado no marco da Rede Galega de Teatros e Auditorios. Esta montaxe de gran formato, que reunirá sobre as táboas un corpo de baile de sete intérpretes, é unhas das 29 producións de danza, novo circo, maxia e teatro beneficiarias das subvencións outorgadas o pasado ano á creación escénica, liña de axudas á que a Consellería de Cultura, Educación, FP e Universidades destina 800.000 euros.
O director da Axencia Galega das Industrias Culturais, Jacobo Sutil, participou na presentación aos medios, no acto tamén interviñeron o director de Nova Galega de Danza, Jaime Pablo Díaz; o responsable artístico da peza, Sharon Fridman e voceiros doutras entidades patrocinadoras.
O representante autonómico gabou a traxectoria de Nova Galega de Danza, formación que tras dúas décadas de traballo, acadou por méritos propios o status de “referente para o conxunto do sector escénico” e de gran plataforma de lanzamento para multitude de profesionais da danza. Destacou, ademais, a proxección exterior dunha formación que se converteu na primeira compañía de baile galega en ser galardoada nos Premios Max das artes escénicas.