Nova iniciativa parlamentaria do BNG en relación co transporte público na Costa da Morte

Na mañá deste sábado o deputado nacionalista de Bergantiños e Costa da Morte, Óscar Insua, reuniuse coas responsables do BNG de Carballo, Inés Rodríguez, e de Galiza Nova Bergantiños, Carolina Pacoret, así coma con outros membros de ámbalas organizacións, para dar conta da nova iniciativa parlamentaria que vén de presentar o BNG en relación co transporte público.

No momento de realizar a fotografía, na parada da rúa Perú, eran as 11:45 horas, as persoas que se ven sentadas na marquesiña levaban agardando desde as 11:00 por un autobús que, supostamente, debería pasar ás 11:18 por esa parada, pero aínda non aparecera. 

Segundo o BNG, os veciños e veciñas da comarca de Bergantiños, seguen preocupados co funcionamento deste servizo público, e atópanse con dous contratempos na estación de autobuses de Carballo e da Coruña. Cando queren desprazarse de Carballo á Coruña, o autobús dispón de moi poucas prazas, porque estas están ocupadas por outros usuarios que proveñen da costa da Morte, xa que este é o mesmo que provén de Fisterra e Cee, e teñen que esperar á seguinte viaxe, que moitas das veces non é directa son traxectos dunha duración de casi o dobre de tempo. E cando queren desprazarse da Coruña á Carballo, non se respecta a orde de chegada na cola de embarque, e é a empresa concesionaria a que prioriza ás persoas que viaxan até o final da ruta a Fisterra, excluíndo ás que se dirixen a destinos intermedios como é o caso de Carballo, quedando apeados na estación coruñesa.

Dende o BNG instan á Xunta a:

1- Comunicarlle oficialmente á empresa concesionaria dos traxectos Carballo- A Coruña que non está permitido establecer prioridades de embarque no transporte público e a informar publicamente desta cuestión para o coñecemento de todos os
usuarios.
2- Reforzar a liña directa Carballo-A Coruña, establecendo máis frecuencias que partan das dúas estacións, nomeadamente nas franxas horarias de maior demanda.
3- Adoptar as sancións e as penalidades contractuais que procedan polos feitos acontecidos e confirmados pola propia empresa concesionaria.”

A Xunta de Galiza, como administración concedente do dereito, non pode consentir esta práctica sistemática da concesionaria, en tanto que supón un flagrante incumprimento das obrigas da empresa como prestadora dun servizo público, conclúen.

Related posts

Entregados os premios da IV edición do concurso fotográfico ‘A Laracha no Obxectivo’

O PSdeG-PSOE de Corcubión denuncia a “forma de gobernar” do actual executivo municipal

Vimianzo inaugurou a súa pista de xeo natural