A Deputación da Coruña acaba de lanzar unha nova liña de axudas dirixida ás Agrupacións de Protección Civil da provincia co obxectivo de dotalas de bicicletas, scooters e equipos de comunicacións, coma walkie-talkies, para levar a cabo a súa actividade diaria.
O Boletín Oficial da Provincia publicou as bases reguladoras deste programa, que conta cun orzamento total de 100.000 euros (56.000 euros para o lote de scooters e bicicletas e 44.000 euros para os equipos de comunicación).
Poderán beneficiarse desta convocatoria aquelas agrupacións, asociacións e asociacións de agrupacións de voluntarios de Protección Civil cun mínimo de 5 membros e que cumpran algún dos seguintes requisitos: ter asignado algún convenio de colaboración co concello ao que pertencen, que algún membro da Corporación municipal forme parte da directiva ou que os estatutos fosen aprobados pola Administración local.