Nova liña de axudas directas para microempresas e pemes


A Xunta impulsará unha nova liña de axudas directas destinada a microempresas e pemes que ten como obxectivo mellorar, de xeito inmediato, a súa capacidade de innovación como ferramenta para fomentar a competitividade empresarial en Galicia. Cun orzamento dun millón de euros, os Bonos de innovación pretenden chegar a 50 beneficiarios apoiando, especialmente, as compañías que incorporan por primeira vez o factor innovador na súa estratexia e dando visibilidade á innovación oculta que se está realizando en moitas pemes galegas. As axudas, de concorrencia competitiva, cubrirán o 70% do custo elixible e chegarán a un máximo de 35.000 euros no caso do bono de servizos e 10.000 no de xestión. Os criterios de valoración terán en conta as características da empresa solicitante, a experiencia previa en innovación, así como a avaliación obxectiva de cada proxecto.