Nova liña de axudas para a mellorar a competitividade e calidade dos establecementos hostaleiros


O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, deu a coñecer o acordo do Consello da Xunta para a posta en marcha dunha nova liña de axudas para a mellora da competitividade e da calidade dos establecementos hostaleiros dotada con arredor de 3 millóns de euros. O importe máximo de subvención será do 90 % do investimento solicitado, cun máximo de 50.000 euros por beneficiario.

As axudas están destinadas a subvencionar actuacións que incrementan a seguridade nos locais e que son un elemento que diferencia e dá valor aos establecementos hostaleiros. “Son cambios que chegaron para quedarse”, indicou o presidente da Xunta. Están destinadas a subvencionar actuacións como sistemas domóticos, control de distancias, optimización de procesos, portas e consignas automáticas, controis de acceso, renovación de aire, sistemas de climatización e softwares de control asociados, así como sistemas de check-in automáticos.

Tamén serán subvencionables a carteleira, rotulación, sinalización e actuacións vinculadas coa mesma, equipamentos como medidores de CO2, ionizadores, dispensadores; así como reformas orientadas á creación de espazos que suxiran maior amplitude, e novos equipamento de hixienizado e lavado, entre outros. Con esta medida, a Xunta quere seguir contribuíndo á modernización e mellora da competitividade dos establecementos hostaleiros mediante a adquisición de novo equipamento.

Poderán ser beneficiarias destas axudas as microempresas, pequenas e medianas empresas do sector da hostalaría que teñan o seu domicilio social ou un centro de traballo en Galicia, conforme estableza a normativa turística no Rexistro de Empresas e Actividades Turísticas da Xunta de Galicia.