A medida enmárcase no Plan de impulso do libro galego que inclúe medidas para afianzar o apoio ao sector e abrir oportunidades de negocio para os seus profesionais.
Alíñase, ademais, cos obxectivos da futura Lei de cultura inclusiva e accesible de Galicia, que se atopa nos últimos trámites antes da súa remisión ao Parlamento. Con elas, a Xunta busca establecer un marco normativo que garanta a participación e acceso á cultura a todo tipo de persoas e colectivos sociais, independentemente da súa condición, idade, situación socioeconómica ou lugar no que vivan.
A nova liña de axudas vén de publicarse no Diario Oficial de Galicia (DOG) cun investimento de 150.000 euros para impulsar a produción editorial nestes novos formatos. Á hora de poñela en marcha, a Consellería de Cultura, Educación, FP e Universidades ten en conta, por unha banda, que o mercado dos audiolibros se atopa nunha tendencia alcista nos últimos anos e detéctase unha necesidade de ampliar a oferta de audiolibros en galego, polo que se considera primordial incentivar a súa produción para, entre outras vantaxes, favorecer a dixitalización da cultura galega.