Esta liña de apoio, publicada xa no Diario Oficial de Galicia e que ten o prazo de solicitude aberto ata o 22 de abril, está dotada con 6,8 millóns de euros para financiar proxectos de I+D+i colaborativos nas áreas estratéxicas dos Hubs Galegos de Innovación Dixital, aliñados coa Estratexia de Especialización Intelixente de Galicia (RIS3) e cos obxectivos do programa Europa Dixital.
O programa apoiará tanto proxectos de investigación industrial, desenvolvemento experimental e innovación en proceso e organización como proxectos de innovación en produto. Desenvolveranse a través da cooperación entre pemes principalmente, aínda que tamén pode participar algunha grande empresa que exerza un efecto tractor na primeira modalidade cunha participación limitada.
Como novidade, esta liña de apoio abre un novo marco de colaboración no que os Hubs galegos de Innovación Dixital funcionarán como axentes articuladores do sistema galego de innovación, asegurando a coherencia dos apoios coas súas liñas estratéxicas e avanzando así cara a súa función de portelos únicos. Deste xeito, os Hubs participan nesta convocatoria a través da súa difusión e colaboración na resolución de dúbidas; na emisión dun informe de idoneidade dos proxectos respecto dos seus retos, así como no seguimento dos mesmos.