- Desde o PP entenden que un concello ten recusos limitados, pero sinalan que é preciso buscar axuda noutras administracións
A voceira do Partido Popular de Muxía, Sandra Vilela, presentará unha moción no próximo pleno municipal para que o goberno local solicite axudas da Xunta de Galicia de cara á poñer en valor as pedras que se sitúan arredor do Santuario da Virxe da Barca, así coma a famosa pedra D’abalar, que se atopa sen protección algunha.
Desde o Partido Popular entenden que o turismo será o sector que máis medre no municipio e, polo tanto, o que máis creación de emprego aportará á economía local.
O parador de Muxía, que en breve comezará a funcionar, o Camiño de Santiago entre Fisterra e Muxía así coma o ano Xacobeo 2021 son algúns dos recursos que se deben aproveitar desde a localidade. Sandra Vilela entende que os recursos do actual goberno local son limitados, pero insiste en que «un bo goberno non só debe de xestionar os recursos propios senón tamén buscar complementalos coas axudas procedentes de outras administracións».
A líder do grupo popular sinala que a Xunta de Galicia xa publicara no DOG que se destinarán 5,7 millóns de euros de dotación presupuestaria para poñer en valor os recursos turísticos e paisaxísticos que discorren a través do Camiño de Santiago, polo que sería unha axuda importante.
Na moción indican que se solicite a liña de subvencións para, entre outras actuacións, dotar de sinalización ás pedras que se xuntan arredor do Santuario da Virxe da Barca ou ocultar os colectores de lixo.