O Consello de Dirección do Proxecto Xeoparque do cabo Ortegal celebrou unha xuntanza na que se aprobou o relevo na presidencia que pasa a desempeñar a alcaldesa de Moeche, Beatriz Bascoy. Ademais, na reunión confirmouse a celebración dunhas xornadas de difusión do proxecto os días 31 de maio e 1 e 2 de xuño e a creación dun Consello Asesor.
No cambio tomaron parte representantes dos concellos implicados no proxecto ademais de persoal técnico da Deputación da Coruña, xunto co responsábel da área de Turismo, Xosé Regueira, que impulsa o desenvolvemento do proceso para promover a candidatura do parque.
A proposta do deputado, Xosé Regueira, aprobouse a creación do Consello Asesor do Xeoparque do Cabo Ortegal, á maneira doutros modelos de xeoparque que están a ser impulsados pola Deputación da Coruña, e que será concretada unha vez analizados os resultados da xornada de traballo prevista. O proxecto de Xeoparque do Cabo Ortegal está constituído pola Deputación Provincial da Coruña e os concellos de Cariño, Cerdido, Cedeira, Moeche, Ortigueira, San Sadurniño e Valdoviño.