O Diario Oficial de Galicia (DOG) publicou o programa para incentivar a contratación de persoas mozas de menos de 30 anos, mellorando a empregabilidade e a inserción laboral das persoas non ocupadas nesa franxa de idade. A Consellería de Promoción do Emprego e Igualdade destina máis de 7,5 millóns de euros para fomentar -en concreto- contratos formativos de doce meses de duración.
Así, incentivará a inserción laboral de menores de 30 anos por parte de empresas, persoas traballadoras autónomas, sociedades civís e comunidades de bens con contías de ata preto de 20.000 euros por persoa. Trátase dun programa mixto, que ademais de impulsar con apoios económicos a contratación a tempo completo, ofrece formación en competencias brandas, unha combinación de habilidades sociais e de comunicación, actitudes, intelixencia social e emocional, moi demandadas polo mercado laboral.
Os contratos formativos están dirixidos sempre a menores de 30 anos que residan en Galicia e que se atopen en situación de desemprego e inscritas no Servizo Público de Emprego. O prazo para a presentación das solicitudes estará aberto desde mañá ata o próximo 2 de outubro.