Nova protesta do persoal da CRTVG “Construímos unha Galicia inexistente ao servizo do poder”


Desde hai case nove meses, profesionais dos medios públicos galegos mobilízanse contra a “manipulación” e o “desmantelamento” e para esixir o cumprimento da lei de Medios e a creación do ansiado Consello de Informativos. Fano a través do colectivo Defende A Galega, que agrupa a maioría do persoal da CRTVG e impulsa a protesta que cobre de loito a redacción de San Marcos e as delegacións territoriais cada venres negro desde finais de maio. O colectivo denuncia “represalias” contra aqueles xornalistas que se implican nas protestas, ben sexa nas de cada venres, nas que se fan na rúa ou mesmo na folga e paros convocados polo comité de empresa.
“Nin temos nin agardamos ter interlocución ningunha por parte da dirección da CRTVG”, di Defende A Galega cando se lle pregunta sobre a resposta da empresa ás 39 semanas de mobilizacións. O que si teñen, din, son “respostas”: “En forma de sancións, expedientes e represalias contra aqueles que decidiron dar a cara e plantarse contra a manipulación que exercen os responsables dos medios públicos”.


Redacción da CRTVG, co persoal de loito polo venres negro