Nova reunión da mesa de coordinación policial contra a violencia de xénero na Laracha

1 minutes read
  • Revisáronse as ordes de protección e actualizáronse os mecanismos de coordinación entre todos os profesionais implicados

A mesa de traballo sobre coordinación interinstitucional contra a violencia de xénero na Laracha, na que están representadas as forzas e corpos de seguridade, celebrou este martes unha nova reunión no Salón de Plenos da Casa do Concello.

Contouse coa presenza do alcalde, José Manuel López Varela; a concelleira de Muller, Rocío López; a directora do Centro de Información ás Mulleres da Laracha, Ana Aldao; a xefa da unidade contra a Violencia de Xénero da Subdelegación do Goberno, Isabel Álvarez García; o comandante do posto da Garda Civil da Laracha, Miguel Rodríguez, e o xefe de Policía Local da localidade, Víctor Vilanova. Ademais, tras confirmarse no inicio da sesión a súa integración nesta mesa de traballo, tamén participaron por primeira vez dúas compoñentes do equipo de VioGén do posto da Garda Civil de Carballo, Concepción García e Teresa Bértua.

Tal e como é habitual neste tipo de reunións, foron revisadas as ordes de protección e abordadas as altas e baixas do programa ATENPRO, o servizo telefónico de atención e protección para mulleres que sofren violencia de xénero. Tamén se revisaron e actualizaron os mecanismos de coordinación entre todos os profesionais que forman parte da mesa ante a detección de posibles casos desas características co propósito de mellorar os protocolos de actuación en beneficio das vítimas.

O Concello da Laracha reitera o agradecemento a todos os membros e sectores profesionais representados nas dúas mesas sectoriais sobre coordinación interinstitucional contra a violencia de xénero, a de coordinación policial e tamén a educativo-sanitaria que se reunirá esta semana, e a súa plena disposición para cooperar xuntos ante esta problemática social.