Nova sala de observación de urxencias no CHUS con 40 camas máis


A obra realizouse nun tempo récord, xa que foi tramitada por procedemento de emerxencia ante a situación da pandemia, o que obrigou a desdobrar este servizo para atender en dous circuítos diferenciados aos doentes covid e aos doutras patoloxías.

O importe final da actuación foi de 1.657.362 euros e afectou a unha superficie de case 800 m2, que ademais dos 40 postos de atención aos doentes, acollen un control de enfermería, unha zona de preparación de medicación, farmacia, almacéns e baños; así como unha área de apoio cunha sala de traballo para profesionais sanitarios, vestiarios e áreas de limpo e sucio. O crecemento da superficie desenvolveuse cara a unha zona de terraza exterior.

Cómpre salientar que o servizo de urxencias do CHUS atendeu o pasado ano 155.610 urxencias, tanto pediátricas como de adultos, que contan cun espazo totalmente diferenciado.

O presidente do Goberno galego, Alberto Núñez Feijóo, visitou esta instalación que incrementa en 40 camas a súa capacidade de atención.