O delegado da Xunta na Coruña, Gonzalo Trenor, acompañado polo delegado de Naturgy en Galicia, Julio Gonzalo, visitou o polígono da Sionlla para supervisar o funcionamento da nova subestación que dá servizo a este parque empresarial, que supuxo un investimento de 6 millóns de euros, e que contou coa axuda autonómica de 3,7 millóns de euros. A nova subestación eléctrica de UFD, distribuidora eléctrica de Naturgy, é de última xeración tecnolóxica, e realizará a transformación de enerxía de 66 a 20 kilovoltios (kV) mediante dous transformadores de 25 megavatios de potencia cada un. A infraestrutura inclúe os sistemas máis avanzados de seguridade, protección e manobra.