- A conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda supervisou este mércores dúas vivendas no Concello de Ponteceso, recuperadas ao abeiro do programa de rehabilitación de antigas vivendas de mestres e outros oficios.
Ángeles Vázquez visitou este mércores dous inmobles rehabilitados ao abeiro do programa de rehabilitación de antigas vivendas de mestres e outros oficios, que no ano 2019 sumou a súa terceira convocatoria, e que está dirixido a concellos con menos de 20.000 habitantes.
A modo de exemplo, citou as actuacións executadas en Ponteceso que agora permitirán poñer a disposición de dúas familias unha vivenda en réxime de alugueiro cunhas condicións vantaxosas; ao tempo que revitalizan as vilas galegas e, sobre todo, poder conservar e protexer o patrimonio local, con apoio económico para acometer actuacións desta envergadura.
Ángeles Vázquez salientou que este non é o único programa a disposición das entidades locais para facilitar unha residencia aos seus veciños, xa que dispoñen de varias liñas de actuación para recuperar vivendas ou facilitar o acceso a unha aos galegos.
Neste sentido, invitou aos rexedores municipais a adherirse ao programa de vivendas baleiras da Xunta de Galicia, co que o concello non tería que asumir o custo dos seguros de impago e multirrisco de fogar e os adxudicatarios poderían acceder ao Bono de Aluguer Social.