Nova vitoria, pola mínima, do Calvo Xiria balonmán


O Calvo Xiria repetiu triunfo ante a súa afección este sábado en Carballo, e ante un auténtico rival como foi o Balonmán Saeplast Cañiza, que non llo puxo nada fácil aos carballeses. Empezaba o encontro concentrado o equipo de Adrián Dubra, que tras unha recuperación ao medio minuto de partido abría o marcador por mediación dun moi enchufado David García Pichel. O conxunto visitante tras ir perdendo durante os primeiros minutos do encontro, no minuto 21 incluso chegaron a darlle a volta ao marcador 14-15, mantendo o pulso do choque ata o final da primeira parte que remataría 20-18. Na reanudación o Saeplast Cañiza foi quen de empatar o encontro en dous minutos metendo toda a presión ao equipo local que por momentos se distanciaba no luminoso, pero sen unha ventaxa clara. No minuto 23 con empate a 27 no marcador e o Xiria cun home menos pola amonestación de Juanka, encarouse unha recta final do encontro de infarto. Cando peor estaba o partido para o Xiria, apareceron Cousillas, Jorge Bouzas e dous paradóns de Iago para manterse tres tantos arriba no minuto 27, o propio Iago tería unha nova intervención de nivel a falta de poucos segundos para o final, que deixou unha nova vitoria -axustada- en Carballo, 32-31 e tres de tres para o Calvo Xiria balonmán.