A Casa da Cultura de Valdoviño acolleu unha nova xuntanza de traballo entre os concellos promotores do proxecto de Xeoparque do Cabo Ortegal, a Deputación da Coruña e a Xunta de Galicia para analizar os últimos avances na tramitación do proxecto e a inminente publicación das candidaturas estatais que optan ao distintivo Global Geopark da UNESCO. Na reunión estiveron presentes representantes dos concellos integrados na asociación promotora, o vicepresidente e responsable da área de Turismo da Deputación da Coruña, Xosé Regueira, e a directora xeral de Patrimonio Natural da Consellaría de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, Belén do Campo. A candidatura de Cabo Ortegal será unha das dúas propostas que elevará España este ano ante o órgano da Unesco encargado de decidir que novos territorios se incorporan á rede de protección ambiental de xeoparques mundiais.
Próximos pasos
Tras a decisión do Comité Nacional Español de Xeoparques, oficialízase a candidatura ante a Unesco de Cabo Ortegal, que poderá continuar a partir de agora co proceso de designación a nivel internacional. Así, España deberá informar das dúas propostas seleccionadas e remitir toda a documentación na que se detallan os traballos realizados ao longo das últimas décadas sobre eses espazos, así como a planificación prevista.
O próximo verán, avaliadores independentes visitarán ambas zonas e analizarán o grao de cumprimento dos criterios fixados pola Unesco para integrarse na rede mundial de xeoparques, o que sustentará a decisión final do Consello Executivo da Unesco, que se reunirá previsiblemente na primavera do ano 2023.