- O sector privado do turismo foi o protagonista este luns do Foro Turismo Covid19 organizado pola Deputación da Coruña.
- O xoves día 7 terán lugar ás 11 e ás 18 horas dúas novas sesións con representantes do ámbito empresarial turístico.
Nesta ocasión participaron, Fatima Cachafeiro, representante de PROTURGA (Asociación de Profesionais do Turismo de Galicia) , Rafael Serrano Hernández, vicepresidente de Aviturga (Asociación de Vivendas Turísticas de Galicia), Ana G. Trevisani, directora de Trevisani e Pablo Canosa, presidente de la Asociación de empresarios Costa da Morte (APTCM).
O encontro estivo moderado polo comunicador e profesional do sector, Pepe Formoso e contou coa participación do vicepresidente e deputado de Turismo da Deputación da Coruña, Xosé Regueira, quen destacou o interese do sector empresarial para participar no encontro e deseñar estratexias coas que saír da crise e reafirmou o compromiso da Deputación de apoiar a recuperación dun ámbito de especial relevancia no desenvolvemento económico do país que atravesaba un momento de grandes expectativas que se truncaron coa aparición do coronavirus.
A unidade do sector foi un dos eixos centrais da intervención de Fátima Cachafeiro representantes da Asociación de Profesionais de Turismo de Galicia, Proturga, que elaborou xa un informe no que destaca a necesidade de cooperación na cadea de valor do turismo ademais de transmitir seguridade e mellorar a calidade para afortalar a confianza no destino e paliar os efectos da crise.
O presidente de la Asociación de empresarios Costa da Morte, Pablo Canosa, apuntou pola súa parte que «na actual incertidume algo que podemos saber con certeza é que despois desta situación o obxectivo ten que ser traballar en conxunto como se foramos un todo». Achegar esforzos para competir no mercado é, segundo dixo, unha das premisas neste novo panorama en que é preciso afrontar o reto da recuperación económica.
Dúas sesións o vindeiro xoves día 7 de maio ás 11 e ás 18 horas completarán o debate sobre a situación e perspectivas do sector empresarial do turismo.