Novas axudas mensuais de ata 800 euros para mulleres vítimas da violencia de xénero

1 minutes read

O Diario Oficial de Galicia publica unha nova convocatoria para 2024 e 2025 das axudas  económicas de carácter mensual que concede ás vítimas da violencia de xénero para que poidan gañar independencia económica dos seus agresores.

Son potenciais beneficiarias as mulleres vítimas da violencia de xénero que racharan a convivencia co agresor no último ano. Tamén as afectadas por explotación sexual ou trata con fins de explotación sexual e ás vítimas de violencia vicaria.

A convocatoria diríxese a mulleres vítimas maiores de idade, empadroadas e con residencia efectiva na Comunidade -e permiso de residencia, no caso das estranxeiras- e que acrediten ingresos mensuais iguais ou inferiores ao dobre do IPREM vixente. Tampouco poden ter percibido esta axuda con anterioridade.

A achega consiste nun pagamento mensual para a beneficiaria, que se concede por un máximo de 12 mensualidades. Esta cantidade pode oscilar entre os 200 e os 800 euros, contía baremable en función dos ingresos da perceptora, das fillas ou fillos menores (ou menores en acollida) e das condicións de discapacidade.

A convocatoria destas axudas permanece aberta durante todo o ano, para que as mulleres poidan solicitala no momento no que a precisen.