O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, avanzou unha nova convocatoria de axudas para apoiar a transformación e comercialización de produtos agrarios que contará cun orzamento de 30 millóns de euros, un 15% máis que na última convocatoria.
Logo de subliñar que entre 2016 e 2020, preto de 400 proxectos recibiron estas achegas, que contaron cun investimento de máis de 100 millóns de euros, Feijóo aseverou que o Goberno galego seguirá comprometido co sector: defendendo os seus intereses na negociación da futura PAC; fomentando a súa profesionalización, a través da formación empresarial; ou coa Lei de recuperación da terra agraria, que permite mobilizar terras abandonadas ou infrautilizadas.
Así mesmo, referiuse ao Plan de pastos de Galicia, no que se está a traballar para recuperar ata 2.250 hectáreas, cun investimento de 9,5 millóns de euros; e ao fomento da entrada dos gandeiros, a través de cooperativas, no capital de novos investimentos industriais.