Novas denuncias a Corcel Minerals por prospeccións ‘ilegais’ en Coristanco e Santa Comba

Sindicato Labrego Galego

  • Varias organizacións esixen que se paralicen as perforacións ao non ter autorizacións.

Varias entidades sindicais, asociacións ecoloxistas e de veciños volveron a denunciar prospeccións ilegais nas localidades de Santa Comba e Coristanco por parte da empresa Corcel Minerals SL e a súa matriz Eurobattery Minerals AB. Estas empresas efectuaron ata catro sondaxes ilegais no ano 2019 e en xuño deste ano a Consellería de Economía, Empresa e Innovación decretou a suspensión dos seus traballos tras unha inspección realizada polos servizos técnicos da Xefatura Territorial da Coruña, iniciando o expediente sancionador. As organizacións denunciantes aseguran que, tres meses despois, as compañías retomaron novamente as perforacións na Braña da Serra «sen as autorizacións nin estudos requiridos».

Estas escavacións teñen como obxectivo a zona húmida Braña da Serra, unha área de especial valor e alta singularidade ecolóxica «cuxa protección ten sido reclamada reiteradamente por distintos colectivos», aseguran desde varias entidades, indicando que, ao tratarse de sondaxes inclinadas, as intervenciós poderían afectar a acuíferos e reservas freáticas de auga. Nesa área ubícanse tamén varias fontes que fornecen de auga ás familias da contorna, a pouco máis dun quilómetro de distancia.

Esta semana, o Sindicato Labrego Galego-Comisións Labregas e a Rede Contra a Minaría destrutiva de Galiza rexistraron unha demanda á Dirección Xeral de Planificación Enerxética e Recursos Naturais da Consellería de Economía, Empresa e Innovación e ao Concello de Santa Comba para «a activación de procedementos sancionadores e a paralización inmediata das novas prospeccións» que non foron sometidas a información pública nin ao exame dos distintos organismos sectoriais para «avaliar os seus potenciais impactos» e tampouco contan con Plan de Restauración ou Estudo de Impacto Ambiental.

Ante esta nova ilegalidade «esiximos contundencia na resposta por parte das administracións públicas» fronte á reincidencia de Corcel Minerals SL e a súa matriz, Eurobattery Minerals AB, posto que a celeridade na actuación da Administración «é clave».