Novas prazas para o curso de Iniciación Musical no Conservatorio Profesional de Música de Carballo

1 minutes read
  • O Conservatorio Profesional de Musica ofrece 60 prazas para o curso de Iniciación Musical
  • A actividade vai dirixida a nenas e nenos de 1º e 2º cursos de Primaria

O Concello de Carballo e o Conservatorio Profesional de Música poñen en funcionamento o curso de Iniciación Musical (Música e Movemento). Esta iniciativa ten como obxectivo achegar os máis cativos á música e ao descubrimento das familias instrumentais, de xeito que cando poidan acceder aos estudos musicais oficiais teñan unha pequena base musical e un coñecemento das distintas ferramentas musicais que lles facilite a elección do instrumento que poidan estudar.

A esta convocatoria poderán concorrer todos aqueles rapaces e rapazas de 1º e 2º curso de Educación Primaria, prioritariamente veciños/as de Carballo. O curso terá un límite de 60 prazas, divididas en 2 grupos, de seis e sete anos, que se adxudicarán por orde de rexistro.

Para preinscribirse nesta convocatoria os interesados terán un prazo que irá do 1 ao 12 de xullo (ámbolos dous días incluídos) e deberán facelo a través dunha solicitude que poderá recollerse nas Oficinas de Cultura (situadas no 1º andar do Pazo da Cultura) ou descargala da páxina web do Concello de Carballo www.carballo.gal.

O día 16 de xullo darase a coñecer a listaxe de admitidos, que posteriormente deberán formalizar a matrícula.

Prazo de matrícula
O prazo de matrícula para o alumnado do Conservatorio que aprobou en xuño estará aberto tamén do 1 ao 12 de xullo. Os interesados deben presentar a solicitude correspondente no Rexistro Municipal, preferentemente no rexistro auxiliar do Pazo da Cultura, en horario de 11 a 13.30.