Novas vías para a promoción de Malpica promovidas pola Deputación


O deputado de Patrimonio e Contratación, Xosé Lois Penas Corral visitou o eco-museo do Forno do Forte de Buño e reuniuse coa concelleira de Cultura, Alfarería, Igualdade e Patrimonio de Malpica de Bergantiños, Leticia Naya Varela para estudar novas vías de colaboración de cara á promoción da artesanía do barro como un dos eixos de promoción económica, cultural e turística ademais de marca de identidade do concello.

Na súa visita ao ecomuseo do Forno do Forte de Buño, o deputado destacou o potencial que para o concello de Malpica de Bergantiños supón a súa tradición oleira, en especial como atractivo turístico e sinal de identidade ademais de singular sector económico e comercial e sinalou que “A artesanía é tradición, cultura e identidade, mais tamén futuro e, nese sentido, compre desenvolver recursos que supoñen un potencial económico para o concello”.

Na xuntanza estudouse tamén a colaboración institucional existente até o momento entre a Deputación da Coruña -titular do Forno do Forte- e o concello de Malpica en quen deposita a xestión do ben patrimonial a través dun convenio anual. A consideración singular con Buño pola súa condición de territorio oleiro explica a compra, restauración e posta en marcha do eco-museo do Forno do Forte por parte da Deputación da Coruña para o que se destinan 69.200 € ao Concello de Malpica de Bergantiños para as actividades ademais de colaborar tamén na mostra da olaría cunha subvención de 80.000 € anuais. “Desde o goberno da Deputación cremos que o patrimonio ten que estar xestionado polos propios concellos e, neste sentido, somos conscientes de que é preciso continuar na liña de colaboración desenvolvida nos últimos anos”, explicou Xosé Lois Penas.