- O Concello dividiu a adxudicación en cinco lotes por uns 140.000 euros
Finalizado o prazo de presentación de ofertas na licitación do servizo de roza de cunetas e parcelas de titularidade municipal na Laracha, son nove as empresas que optan á adxudicación dalgún dos cinco lotes no que foi dividido o contrato co propósito de axilizar a execución das actuacións. Esta campaña de desbroce ten por obxectivo eliminar a vexetación herbácea nas marxes das estradas para frear o seu crecemento, mellorar a visibilidade dos condutores e viandantes e reforzar a seguridade viaria, ademais de previr riscos de incendio e manter o ornato público na rede viaria.
En total o Concello destinará 140.000 euros de fondos propios para la realización de estos trabajos durante o remate da primavera, o verán e no inicio do outono en máis de 400 quilómetros de estradas municipais e pistas forestais, e preto de 200.000 metros cadrados de parcelas e terreos municipais que non están incluídos no contrato do servizo de limpeza e mantemento de zonas verdes.
Os lotes nos que está dividido o contrato son os seguintes: estradas municipais das parroquias de Cabovilaño, Caión, Lemaio, Lendo, Torás e Vilaño por 37.645,76 euros; estradas municipais das parroquias de Coiro, Erboedo e Soandres por 29.731,84 euros; as vías municipais das parroquias de Lestón, Golmar, Montemaior e Soutullo, cun orzamento de 30.664,32 euros; camiños forestais de todo o termo municipal por 27.313,74 euros e un último lote de parcelas e terreos de titularidade municipal por 14.524,02 euros.
Nos próximos días reunirase a Mesa de Contratación para proceder á apertura das plicas e clasificar as ofertas presentadas como paso previo á adxudicación.