O torneo de baloncesto “José Antonio Vega” que se vai celebrar este sábado alcanza a súa novena edición e xa está consolidado como o evento de referencia para os equipos de base deste deporte na provincia da Coruña durante o Nadal.
Este luns presentouse o torneo no Concello da Laracha, coa presenza do alcalde, José Manuel López Varela, a edil de Deportes, Patricia Bello, membros da entidade organizadora –Eliseo Velo e Lolo Canedo polo C.B. Laracha-, representantes de varios clubs participantes –Joaquín Moreira (presidente do Artai), Arturo Ferraces (coordinador da Escola Basket Xiria), Fran Lozano (presidente do C.B. Arteixo) e Iván García (coordinador do C.B. Arteixo)- e tamén de Roi Vega, adestrador nacional de baloncesto e fillo de José Antonio, a persoa á que se dedica o memorial.
Durante a xornada deste sábado -desde ás 9:30 da mañá- pasarán polos tres pavillóns do casco urbano da Laracha (Municipal, IES Agra de Leborís e CEIP Otero Pedrayo) en torno a 350 xogadores pertencentes a 33 equipos de categorías babys, preminis, minis e infantís masculino e feminino de 11 clubs diferentes: C.B. Laracha, C.B. Arteixo, Escola Basket Xiria (Carballo), Artai (Carballo), C.B. Golfiños (Sada), C.B. Culleredo, C.B. Montrove, ACB Costa da Morte (Cee), Esclavas (A Coruña), Santo Domingo (Betanzos) e Ponteceso Xiria. En total disputaranse 66 partidos. A competición finalizará despois do acto de entrega das medallas, que se celebrará no pavillón Municipal a partir das 17:45 horas.
Dado que se trata dun evento que concentrará na Laracha a moitas familias, a organización instalará xogos infantís e inchables que estarán a disposición do público asistente.
O alcalde agradeceu o traballo aos organizadores e a participación de todos os clubs que formarán parte do torneo. López Varela mostrouse “satisfeito e orgulloso” por ter alcanzado a novena edición do torneo que “cada ano vai gañando participantes e asistentes, o que é meritorio e especialmente nestas datas”.
Eliseo Velo, o presidente do C.B. Laracha, avanzou que o torneo “seguirá a liña dos anos anteriores pero aumentando o número de equipos” e concluíu agradecendo “aos participantes a súa colaboración”.
Arturo Ferraces, coordinador da Escola Basket Xiria, considerou que “para nós é unha obriga estar neste torneo porque José Antonio Vega estivo moitos anos ligado ao noso club”.
Para Joaquín Moreira, presidente do Artai, “é un orgullo seguir pelexando polo baloncesto de base e vir xogar este torneo, que está plenamente consolidado como un referente no Nadal”.
O presidente do C.B. Arteixo, Fran Lozano, mostrouse “contento por estar convidados ao torneo” e asegurou estar “sempre dispostos a participar e colaborar”.
Pola súa parte Roi Vega destacou que “se siga homenaxeando a figura do meu pai”, o que para a súa familia supón “un orgullo” e máis durante o Nadal, xa que “nos acordamos del todos os días, pero o memorial é un momento do ano especial”.