Novidades en Chrome


O navegador Chrome segue sendo o máis popular entre toda a oferta dispoñible na internet, pero o certo é que Microsoft está a facelo moi ben co novo Edge, e para combater á competencia a nova versión Chrome 89 inclúe novidades numerosas que che damos a coñecer.

Está a piques de chegar Google Chrome 89 aos nosos computadores figurando novidades como a renovación dos perfís, unha lista de lectura simple, a chegada da procura de pestanas aos equipos de escritorio, compatibilidade con Web NFC e outras tantas novidades máis. Tal como mostran en 9to5google, temos a inclusión dunha interesante renovación dos perfís de Chrome optando por unha páxina modernizada para seleccionar perfís nada máis abrir o navegador.

Tamén hai un selector dispoñible no menú despregable que aparece despois de tocar a imaxe do avatar xunto ao cadro multifunción. Tras sincronizar datos, poderemos personalizar o perfil cun nome e unha cor de tema que axudará, por exemplo, a diferenciar as xanelas. Con Chrome 89 tamén chegará unha lista de lectura simple que a podemos habilitar ao tocar a icona da estrela na barra de direccións. Inclúese unha nova opción “agregar á lista de lectura”, e tamén poderemos acceder a todo o que gardaramos no cartafol “lista de lectura” que se atopa na barra de marcadores. Aquí podemos atopar as páxinas que incluísemos nesta lista dividida por non lidos e páxinas que liches.

Por outra banda, tamén teremos a procura de pestanas que chega aos equipos de escritorio. Para iso toca a icona despregable na esquina superior dereita para obter unha lista de páxinas abertas. O navegador por defecto mostra cinco ao mesmo tempo aínda que tamén poderemos pechar pestanas rapidamente desde este lugar.

Para salvagardar a nosa seguridade e para fomentar a adopción de HTTPS nas páxinas web, cando os usuarios non especifiquen este protocolo ao ingresar unha URL, Chrome 89 probará primeiro usar HTTPS. Tamén hai outras novidades máis técnicas como web NFC que permitirá aos sitios web ler e escribir en etiquetas NFC.

Para comprobar que versión estás a executar simplemente accede a configuración de Chrome a través dos tres puntiños situados na parte superior dereita da pantalla. Desde aí selecciona “axuda” e finalmente “información de Google Chrome”.