- Están realizadas con xiz e o goberno local abrirá unha investigación para aclarar o sucedido
A arte non ten fronteiras e, nalgúns casos, tampouco ten sentido. Este é o caso das pintadas que se realizaron no dolmen de Pedra Cuberta en Treos, no concello de Vimianzo. O goberno local condena «rotundamente estes feitos vandálicos» e «abrirá unha investigación para resolver o acontecido», destacou a alcaldesa Mónica Rodríguez.
Os debuxos, que apareceron este pasado domingo, parecen identificarse coa imaxe dunha persoa e un gato e están realizados con xiz, polo que desde o Concello confían en que non se danase o material deste monumento arqueolóxico. O municipio de Vimianzo conta cun gran número de elementos patrimoniais desta índole, polo que estes actos son un «insulto para o noso pobo e para toda Galicia», recalcou a redexora.
Os actos vandálicos non son nada novo na Costa da Morte, e non deixan títere sin cabeza. A escultura ‘A Ferida’, situada na zona da Barca de Muxía, amenceu fai menos dun ano cunha pintada referida á súa retirada coa palabra «Quitádela?». Tamén sufriu danos a ponte do río Anllóns, na Laracha; un municipio que repetiría no mes de setembro do 2020 varias condenas contra as pintadas en edificios públicos.